'O uso do xogo e a arte para educar na enxeñaría desde a infancia'
Obradoiro para profes e peques de infantil e primaria

Nenos Xogando

Este obradoiro tenta achegar a idea de enxeñaría ao alumnado de educación infantil e primeiros cursos de educación primaria, relacionando a súa vida e os seus xogos cotiás co mundo da enxeñaría desde una visión igualitaria, e sen utilizar, necesariamente, a tecnoloxía no proceso da aprendizaxe.


Contidos da actividade

1 Unha colección de vídeos curtos que, a modo de exemplo, simulan a celebración deste obradoiro nunha aula (aínda que sen o retorno propio dunha interacción co alumnado). Estas pequenas píldoras abordarán as seguintes temáticas:

  • Explicamos o significado da palabra enxeñaría ao alumnado de infantil.
  • Conectamos a enxeñaría coa arte debuxando artefactos inventados.
  • Reflexionamos sobre como sería a nosa vida diaria sen os inventos das mulleres enxeñeiras.
  • Construímos  un aparello tecnolóxico (ordenador, videoconsola, tableta, teléfono móbiil, etc) co noso corpo, que nos servirá par deseñar e executar dous programas informáticos: unha coreografía (unha danza) e unha receita de cociña, convertendo así este ordenador nun robot cociñeiro.

2Vídeo explicativo dirixido ao profesorado, con instrucións e información adicional para facilitar un uso óptimo dos vídeos mencionados no punto anterior.

Eva Cernadas, investigadora vinculada do CiTIUS

Retrato de Eva Cernadas

Profesora titular da área de Ciencias da Computación e Intelixencia artificial e investigadora vinculada ó Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Investiga no deseño de novas técnicas de visión por computador e aprendizaxe automática para resolver problemas nos ámbitos da bioloxía, tecnoloxía dos alimentos ou medicina, desenvolvendo os programas STERapp e CystAnalyser. Foi pioneira na utilización da intelixencia artificial para a predición da calidade de lomos e xamóns.

Gañadora do segundo premio á introdución da perspectiva de xénero na docencia en intelixencia artificial, concedido pola USC en 2021. Participa na promoción da igualdade deseñando obradoiros para a educación primaria no programa "Unha enxeñeira ou científica en cada cole", ou promovendo o concurso “INFORMATIZATE” para estudantes non universitarios, organizado pola Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC.

Máis información

Premios

Entre os CEIP públicos de Galicia inscritos nos meses de Febreiro e Marzo sortearanse dúas xornadas de obradoiros presencias para tódolos niveis educativos nos centros premiados, que terán lugar en abril co gallo da 'Semana das Nenas nas TIC'.

Rexistro

Para participar nesta actividade, tan só é necesario rexistrar o teu centro a través do formulario oficial.

Inscríbete!

ETSE
USC
Xacobeo 21·22
Unión Europea
Xunta de Galicia